O vindeiro mércores terá lugar outra visita guiada do ciclo TARDES NO MUSEO, organizado pola Concellería de Cultura dende o programa Educativo da Rede de Museos. A Concellería de Cultura expón de forma permanente na planta terceira da Pinacoteca FFR a exposición “A nova Colección Colmeiro”, composta polos vinteún óleos e 145 obras sobre papel.
Na “Nova colección Colmeiro” están presentes todas as etapas do autor, dende o retorno a Galicia nos anos 20, a súa interpretación crítica da realidade galega nos anos 30, en paralelo á definición do seu renovador estilo pictórico; o impacto da Guerra Civil española que o une en dramatismo a predecesores como Goya ou a contemporáneos como Picasso; o seu posterior exilio parisiense; o seu regreso e presentación en España nos anos 50, 60, 70 etc.
Na colección tamén están todas as temáticas que lle son propias: principalmente o seu país galego, que capta a través da súa xente en romarías e traballos, das súas paisaxes; os traballos de estudio; as súas incursións na mitoloxía; os retratos… traballos todos eles nos que a muller brilla como gran protagonista. E todas estas temáticas desde a gran variedade de técnicas coas que as abordou: óleo, tinta, lapis…
Manuel Colmeiro é un dos grandes mestres da arte galega e goza de recoñecemento a nivel internacional dende hai case un século.