O sábado 25 de outubro ás 17.00h terá lugar a visita guiada á Sala de Arqueoloxía do Museo Municipal “Quiñones de León” AS ORIXES DA CIDADE, organizada pola Concellería de Cultura dende o programa Educativo da Rede de Museos.
A colección de Arqueoloxía abrangue pezas desde o Paleolítico ata a Romanización. Na exposición permanente trázase un percorrido vital desde o alba do home como especie na comarca de Vigo ata os primeiros séculos de nosa era. Nesa viaxe pola prehistoria e a historia antiga, os distintos elementos que integran a colección cóntannos como era a vida no Vigo primixenio e os seus arredores: como pescaban, que comerciaban, a que deuses adoraban e como enterraban aos seus mortos.
O achado da necrópoles romana no barrio do Areal en 1953 propiciou a fundación da primeira sala de arqueoloxía no museo aquela mesma década. Os xacementos representados na colección comprenden todo o termo municipal de Vigo (O Castro, Toralla, Areal, Saiáns, etc.) e esténdense, ademais, por todo o sur da provincia de Pontevedra (Donón, Budiño, Atios, etc.).